Bienestar Emocional

Páginas

martes, 24 de febreiro de 2026

COMER CON COCO

 ¿É o mesmo alimentarse que nutrirse? 

Esta foi unha das preguntas que guiou a sesión desenvolvida esta semana no marco do Plan Vixía co alumnado de 3º ESO, da man de Alfonso, nutricionista e dietista, quen nos axudou a reflexionar sobre a importancia dos hábitos saudables nesta etapa da adolescencia.



Ao longo da charla abordáronse contidos clave relacionados coa nutrición desde unha perspectiva práctica e próxima á realidade do alumnado. Falamos dos distintos tipos de dietas (hipocalóricas, normocalóricas e hipercalóricas) e de como poden influír no corpo segundo as necesidades de cada persoa. A través do “semáforo das graxas”, aprendemos a identificar cales priorizar e cales limitar, así como a importancia das proteínas e as súas fontes, incluíndo alternativas vexetais para dietas veganas.


Tamén houbo espazo para lembrar o papel fundamental dos hidratos de carbono e dos micronutrientes como fonte de enerxía diaria, comprendendo mellor a función das vitaminas no noso organismo. Como peche da sesión, puxemos o foco en que a saúde vai máis alá do prato: o xeito de cociñar os alimentos, o equilibrio emocional e os hábitos de vida saudables son pezas clave para o benestar integral.


Desde o Departamento de Orientación seguimos apostando por intervencións preventivas que axuden ao alumnado a tomar decisións informadas, desenvolver pensamento crítico e construír unha relación respectuosa co seu propio coidado.

domingo, 22 de febreiro de 2026

Círculo de diálogo co Programa Vixía: falando, escoitando e medrando xuntos e xuntas

 


O noso centro continúa a participar un curso máis no Programa Vixía, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Sanidade orientada á prevención e á promoción do benestar na adolescencia. A través desta proposta, o alumnado ten a oportunidade de reflexionar sobre aspectos clave do seu desenvolvemento persoal e social da man de profesionais especializados.

Nesta ocasión, o alumnado de 1º de ESO participou nunha sesión dinamizada por Félix, educador social do programa. Máis que unha charla expositiva, a actividade desenvolveuse a través dun círculo de diálogo, no que cada alumno e alumna puido expresar sentimentos, inquietudes e reflexións nun espazo seguro e respectuoso.


De maneira previa á sesión, a orientadora do centro acudiu ás aulas para realizar unha actividade preparatoria. Nela presentouse a temática que se ía abordar desde o Programa Vixía e o alumnado tivo a oportunidade de formular, de xeito anónimo, preguntas dirixidas a Félix sobre as súas relacións interpersoais, preocupacións propias da adolescencia e outras cuestións que lles resultan significativas no seu día a día. Estas achegas serviron como punto de partida para o diálogo posterior, favorecendo unha participación máis auténtica e próxima á realidade do grupo.

A sesión puxo o foco na educación emocional, nas relacións cos iguais e na importancia do respecto e da escoita activa, ofrecendo ferramentas que contribúen ao benestar persoal e á convivencia positiva no centro.


A participación neste tipo de iniciativas continúa a reforzar o compromiso da nosa comunidade educativa cunha formación integral, na que aprender tamén significa coñecerse mellor, expresar o que sentimos e construír relacións máis saudables.