Bienestar Emocional

Páginas

xoves, 23 de abril de 2026

Entre páxinas e emocións: unha proposta para sentir, pensar e crear

 No marco do XVIII Festival do Libro do noso centro, desde o Departamento de Orientación desenvolvemos o proxecto Entre páxinas e emocións, unha proposta que nace coa finalidade de achegar o alumnado ao coñecemento, comprensión e expresión das emocións a través da lectura, a reflexión compartida e a creación artística.


Esta iniciativa foi impulsada pola orientadora do centro e a mestra de Pedagoxía Terapéutica da aula UEE, en colaboración co profesor da materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de 3º de ESO, integrándose como unha experiencia de infusión curricular nesta materia. O proxecto estruturouse en tres grandes partes, desenvolvidas ao longo de varias sesións de traballo.



Nunha primeira parte, partiuse da rutina de pensamento “Conversa en papel”, unha dinámica que permitiu ao alumnado de 3º de ESO reflexionar de maneira guiada sobre cuestións fundamentais: que son as emocións, como se manifestan, que función teñen nas nosas vidas e que coñecementos previos posuían sobre elas. Esta proposta favoreceu a activación de ideas, a participación de todo o grupo e a construción compartida do pensamento.



A segunda parte centrouse no traballo de investigación cooperativa, no que o alumnado, organizado en pequenos grupos, puido profundar nos distintos tipos de emocións a partir de bibliografía especializada, das tarxetas das emocións de Samma Sati e de diversas páxinas web de carácter educativo. Esta fase permitiu ampliar coñecementos, incorporar vocabulario emocional e avanzar na identificación, comprensión e expresión dos estados afectivos.



Cómpre destacar o valor das tarxetas das emocións de Samma Sati como recurso facilitador deste proceso, xa que constitúen un material visual e accesible pensado para axudar á infancia a identificar, nomear e comprender o que sente dun xeito sinxelo e atractivo. Elaboradas co asesoramento de profesionais da psicoloxía e da crianza, convertéronse nun apoio de grande utilidade para promover a educación emocional e enriquecer o traballo desenvolvido na aula.





Finalmente, a terceira parte do proxecto orientouse cara á creación artística, coa realización de láminas creativas sobre diferentes emocións, inspiradas no universo visual e expresivo de Anna Llenas. A partir do traballo previo de reflexión e investigación, o alumnado transformou as aprendizaxes en producións plásticas cargadas de sensibilidade, cor e significado.



A obra de Anna Llenas, e de maneira especial O diario das emocións, serviunos como fonte de inspiración para entender que educar as emocións tamén é ofrecer espazos para nomealas, expresalas e darlles valor. Neste sentido, o proxecto permitiu conectar literatura, arte e educación emocional nunha experiencia de aprendizaxe rica e significativa.



Con Entre páxinas e emocións, o XVIII Festival do Libro convértese nunha oportunidade para seguir construíndo escola desde unha mirada inclusiva, sensible e integral, onde ler, crear e sentir forman parte dun mesmo camiño educativo.


domingo, 15 de marzo de 2026

APRENDENDO CON AGADIX

A pasada semana, no marco do noso Seminario Anual de Atención á Diversidade, tivemos a oportunidade de vivir unha experiencia formativa especialmente enriquecedora grazas á colaboración da asociación Asociación Galega de Dislexia (AGADIX)Tivemos a enorme sorte de contar coa presenza de Esther López Carbajales, médica especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e presidenta da entidade, quen nos ofreceu unha intervención clara, rigorosa e profundamente humana arredor da dislexia.



Ao longo da súa exposición, Esther axudounos a comprender con maior profundidade que significa realmente ter dislexia, desmontando mitos aínda moi presentes e achegándonos á realidade que viven moitos nenos e nenas no seu día a día. Falounos das dificultades específicas asociadas á lectura e á escritura, pero tamén das implicacións emocionais, académicas e sociais que poden aparecer cando estas dificultades non son comprendidas ou atendidas axeitadamente.

A charla permitiunos reflexionar sobre algo fundamental: a dislexia non define a capacidade nin o potencial do alumnado, pero si require unha mirada educativa informada, sensible e comprometida. Neste senso, abordáronse tamén diversas medidas e intervencións que o profesorado pode implementar no contexto educativo, orientadas a favorecer a accesibilidade á aprendizaxe, reducir barreiras e potenciar as fortalezas do alumnado con dislexia.

Foi, sen dúbida, un encontro que nos lembrou a importancia de seguir avanzando cara a unha escola verdadeiramente inclusiva, na que cada alumno e cada alumna poidan aprender segundo as súas necesidades e posibilidades.

Desde o Departamento de Orientación queremos tamén animar ás familias que teñan fillos ou fillas con dislexia, ou que sospeiten que poidan presentar dificultades deste tipo, a coñecer e contactar con AGADIX. Esta asociación galega realiza un labor extraordinario de acompañamento, información e apoio ás familias e aos centros educativos, ofrecendo recursos de grande utilidade para comprender mellor esta realidade.





Podedes coñecer máis sobre o seu traballo e os servizos que ofrecen na súa páxina web:

Porque comprender é o primeiro paso para apoiar, e só desde o coñecemento podemos construír contornos educativos máis xustos, inclusivos e respectuosos coa diversidade de todas as persoas que aprenden. 

martes, 24 de febreiro de 2026

COMER CON COCO

 ¿É o mesmo alimentarse que nutrirse? 

Esta foi unha das preguntas que guiou a sesión desenvolvida esta semana no marco do Plan Vixía co alumnado de 3º ESO, da man de Alfonso, nutricionista e dietista, quen nos axudou a reflexionar sobre a importancia dos hábitos saudables nesta etapa da adolescencia.



Ao longo da charla abordáronse contidos clave relacionados coa nutrición desde unha perspectiva práctica e próxima á realidade do alumnado. Falamos dos distintos tipos de dietas (hipocalóricas, normocalóricas e hipercalóricas) e de como poden influír no corpo segundo as necesidades de cada persoa. A través do “semáforo das graxas”, aprendemos a identificar cales priorizar e cales limitar, así como a importancia das proteínas e as súas fontes, incluíndo alternativas vexetais para dietas veganas.


Tamén houbo espazo para lembrar o papel fundamental dos hidratos de carbono e dos micronutrientes como fonte de enerxía diaria, comprendendo mellor a función das vitaminas no noso organismo. Como peche da sesión, puxemos o foco en que a saúde vai máis alá do prato: o xeito de cociñar os alimentos, o equilibrio emocional e os hábitos de vida saudables son pezas clave para o benestar integral.


Desde o Departamento de Orientación seguimos apostando por intervencións preventivas que axuden ao alumnado a tomar decisións informadas, desenvolver pensamento crítico e construír unha relación respectuosa co seu propio coidado.

domingo, 22 de febreiro de 2026

Círculo de diálogo co Programa Vixía: falando, escoitando e medrando xuntos e xuntas

 


O noso centro continúa a participar un curso máis no Programa Vixía, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Sanidade orientada á prevención e á promoción do benestar na adolescencia. A través desta proposta, o alumnado ten a oportunidade de reflexionar sobre aspectos clave do seu desenvolvemento persoal e social da man de profesionais especializados.

Nesta ocasión, o alumnado de 1º de ESO participou nunha sesión dinamizada por Félix, educador social do programa. Máis que unha charla expositiva, a actividade desenvolveuse a través dun círculo de diálogo, no que cada alumno e alumna puido expresar sentimentos, inquietudes e reflexións nun espazo seguro e respectuoso.


De maneira previa á sesión, a orientadora do centro acudiu ás aulas para realizar unha actividade preparatoria. Nela presentouse a temática que se ía abordar desde o Programa Vixía e o alumnado tivo a oportunidade de formular, de xeito anónimo, preguntas dirixidas a Félix sobre as súas relacións interpersoais, preocupacións propias da adolescencia e outras cuestións que lles resultan significativas no seu día a día. Estas achegas serviron como punto de partida para o diálogo posterior, favorecendo unha participación máis auténtica e próxima á realidade do grupo.

A sesión puxo o foco na educación emocional, nas relacións cos iguais e na importancia do respecto e da escoita activa, ofrecendo ferramentas que contribúen ao benestar persoal e á convivencia positiva no centro.


A participación neste tipo de iniciativas continúa a reforzar o compromiso da nosa comunidade educativa cunha formación integral, na que aprender tamén significa coñecerse mellor, expresar o que sentimos e construír relacións máis saudables.