Hoxe conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, unha data que nos lembra a importancia de falar abertamente do que, durante moito tempo, foi un tema cheo de silencios e prexuízos. A saúde mental forma parte esencial do benestar global das persoas: inflúe na maneira en que pensamos, sentimos, nos relacionamos e afrontamos os retos da vida cotiá.
Co obxectivo de visibilizar e sensibilizar, o alumnado de 4º de ESO B e da Unidade de Educación Especial participou nunha actividade simbólica e chea de valor educativo: coloreamos cerebros. A proposta partía dunha idea sinxela pero fundamental: non existen dous cerebros iguais, porque cada persoa posúe unha forma única de procesar o mundo, de aprender e de sentir.
Esta experiencia converteuse nun mural colectivo, que pode verse nos corredores do colexio, e que representa a diversidade mental a través da cor, a creatividade e a reflexión. Baixo cada cerebro coloreado, o público pode descubrir un pequeno resumo sobre diferentes trastornos mentais, elaborado co propósito de informar, concienciar e promover a psicoeducación entre o alumnado.
A psicoeducación é unha ferramenta clave para a prevención e a detección temperá. Cando nenas, nenos e adolescentes comprenden que existen distintos trastornos, que todos podemos precisar axuda nalgún momento e que pedir apoio non é un signo de debilidade senón de responsabilidade, estamos educando persoas máis empáticas, seguras e libres de estigmas.
No noso colexio apostamos firmemente por cumprir con esta responsabilidade, fomentando espazos de reflexión, convivencia e coidado emocional. O Departamento de Orientación mantén as súas portas abertas para asesorar, acompañar e ofrecer apoio ao alumnado, profesorado e familias en todo o relacionado coa saúde mental e o benestar persoal.
Neste 10 de outubro, o noso centro súmase á conmemoración cunha mensaxe clara e necesaria:
“Coidar a saúde mental é cousa de TOD@S”
Porque falar de saúde mental é falar de educación, de inclusión e de futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario