xoves, 1 de maio de 2025

Axudas NEAE 2025-2026: Información clave para as familias

O Ministerio de Educación convocou as Axudas para alumnos/as con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) para o curso 2025-2026. 



Queremos explicarvos de forma clara en que consisten, quen pode solicitalas e por que son importantes.

✅ Que son estas axudas?

Son axudas económicas dirixidas a alumnado que presenta necesidades específicas de apoio educativo (NEAE). Buscan facilitar o acceso á educación en igualdade de condicións, reducindo barreiras relacionadas co custo de ensinanzas, transporte, comedor, material, reeducación pedagóxica e lingüística, entre outros.

👧👦 Quen pode solicitalas?

No noso centro poden solicitalas os alumnos/as que:

  • Teñan cumpridos 2 anos antes do 31/12/2024.

  • Estean matriculados en Educación Infantil, Primaria ou ESO.

  • Presenten algunha das seguintes necesidades:

    • Discapacidade cun certificado igual ou superior ao 25%.

    • Trastorno do Espectro do Autismo (TEA).

    • Trastornos Graves de Conduta (TGC).

    • Trastornos graves da comunicación e da linguaxe.

    • TDAH asociado a discapacidade ou TGC.

    • Altas Capacidades Intelectuais.

💬 Que gastos cobren?

As axudas poden cubrir:

  • Ensinanzas

  • Transporte

  • Comedor escolar

  • Residencia escolar

  • Libros e material didáctico

  • Reeducación pedagóxica e da linguaxe

  • Subsidio de contía fixa

📝 Como solicitar a axuda?

A solicitude faise en liña:

É importante preparar toda a documentación (certificados médicos, informes psicopedagóxicos, etc.) con tempo.

⏰ Cales son os prazos?

O prazo vai do 30 de abril ao 11 de setembro de 2025. Recoméndase non esperar ao último momento para evitar problemas técnicos ou de documentación.

💡 Por que son importantes estas axudas?

Porque contribúen a que todos os nenos e nenas poidan recibir a educación que necesitan, contando cos apoios e recursos axeitados para o seu desenvolvemento persoal e académico.

Se precisades axuda para tramitar a solicitude ou tedes dúbidas sobre se vos corresponde, podedes contactar coa orientación educativa do centro. Estamos aquí para acompañarvos neste proceso.



xoves, 24 de abril de 2025

CONSTRUÍNDO UNHA CASA SEN ACOSO

 No marco do Festival do Libro, abrimos no noso centro unha xanela especial: a exposición “Lecturas que abrazan: Construíndo unha casa sen acoso”, unha proposta que recolle o froito do traballo lector desenvolvido nas aulas co acompañamento do Departamento de Orientación e do equipo docente.



Esta casa simbólica construíuse cos seguintes piares:

📖 Os libros:

  • Orellas de bolboreta, de Luisa Aguilar e ilustrado por André Neves, invitounos a falar de autoestima, aceptación e da beleza da diversidade.

  • El cazo de Lorenzo, de Isabelle Carrier, achegou ao alumnado unha metáfora visual e poderosa sobre as dificultades, a inclusión e a importancia da empatía.

  • Subnormal: unha historia de acoso escolar, cómic baseado na experiencia real de Iñaki Zubizarreta, con guión de Fernando Llor e ilustracións de Miguel Porto, permitiu ao alumnado de ESO afondar nunha historia impactante sobre o acoso, a dor e a capacidade de superación.


🎨 As creacións do alumnado:

  • Bolboretas decorativas elaboradas polo alumnado de Infantil, que simbolizan a transformación e a liberdade de ser un mesmo.

  • Cazos de barro e de cartón realizados en Primaria, que nos falan de cargar coas diferenzas con orgullo e da importancia de apoiar quen o precisa.

  • Cómics elaborados en Canva polo alumnado de ESO, que recollen as súas propias reflexións sobre o acoso escolar e o valor da palabra como ferramenta de denuncia e transformación.


📘 Tamén para quen educa: un libro que acompaña o profesorado

A exposición “Lecturas que abrazan” inclúe tamén unha proposta pensada especialmente para o profesorado: o libro Lectura y acoso escolar. Propuestas para la mejora de la convivencia (Editorial Narcea, 2022). Esta obra recolle contos e historias acompañadas de propostas didácticas que axudan a tratar na aula temas fundamentais como o respecto, a empatía ou a resolución pacífica de conflitos. É unha ferramenta valiosa para repensar a práctica docente, fomentar o pensamento crítico e impulsar dinámicas de aula que promovan a convivencia desde a lectura.


🏡 A metáfora da casa:
O espazo expositivo reinterpreta unha casa como lugar de acollida, coidado e seguridade. As bolboretas adornan as paredes, os cazos penduran coma se fosen recordos que nos convidan a non esquecer, e os libros están no centro, porque é a través deles que nos achegamos ao outro con empatía.

Esta iniciativa non sería posible sen o apoio da nosa biblioteca escolar e da súa coordinadora, que transformaron un recuncho do colexio nun espazo de reflexión compartida.

Desde o Departamento de Orientación, agradecemos a implicación de todo o profesorado participante, que fixo da lectura unha ferramenta para construír conciencia, emoción e convivencia.

Anímate a visitar a exposición no corredor principal do centro. 

Porque educar tamén é decorar con sentido. 

Porque ler tamén é abrazar.

luns, 21 de abril de 2025

LECTURAS QUE ABRAZAN

Con motivo do Festival do Libro, desde o Departamento de Orientación do noso centro organizamos unha serie de propostas co obxectivo de fomentar a lectura como ferramenta para traballar valores fundamentais como a empatía, a autoestima, a aceptación das diferenzas e a prevención do acoso escolar. Estas actividades non serían posibles sen o apoio imprescindible da nosa biblioteca escolar e da súa coordinadora, que, unha vez máis, puxeron ao servizo da comunidade educativa un espazo de encontro, reflexión e creatividade.

O alumnado de 6º de Educación Infantil participou nun contacontos baseado no libro Orellas de bolboreta, levado a cabo pola nosa especialista en Pedagoxía Terapéutica, Isabel Cachaldora. A través desta fermosa historia, traballouse a aceptación das diferenzas, a autoestima e a empatía como ferramentas clave para combater o acoso escolar e fomentar o respecto polos demais. Como actividade final, o alumnado elaborou bolboretas decorativas, que se integrarán proximamente na exposición colectiva “Lecturas que abrazan: Construíndo unha casa sen acoso”.

O alumnado de 1º de Educación Primaria participou nunha actividade desenvolvida pola nosa especialista en Audición e Linguaxe, Eva Rodríguez, arredor do conto El cazo de Lorenzo. Comezouse cunha lectura guiada e o visionado do vídeo animado, seguido dun espazo de reflexión grupal sobre a empatía, a inclusión e a importancia da axuda mutua. Finalmente, o alumnado elaborou cazos de barro personalizados, que se incorporarán nunha segunda fase á exposición.

O alumnado de 4º de Educación Primaria participou nunha actividade deseñada e desenvolvida polo noso especialista en Pedagoxía Terapéutica, Alberto Blanco, tamén baseada no conto El cazo de Lorenzo. Tras a lectura e o visionado do vídeo, o grupo participou nunha reflexión compartida e elaborou cazos de cartón con mensaxes de apoio e solidariedade, que se integrarán igualmente na exposición “Lecturas que abrazan: Construíndo unha casa sen acoso”.

Por último, co alumnado de 2º da ESO, desenvolveuse unha actividade incluída nun programa de sensibilización sobre o acoso escolar, coordinada pola orientadora educativa do centro, Ana Conde. A proposta estruturouse en varias fases: unha introdución á temática do acoso escolar mediante unha presentación inicial, o visionado dun vídeo coa testemuña de Iñaki Zubizarreta, a lectura guiada do cómic Subnormal: unha historia de acoso escolar e unha reflexión grupal a partir de preguntas semiestruturadas. Como produto final, o alumnado elaborou cómics explicativos coa ferramenta Canva, que se sumarán á exposición común.

Desde o Departamento de Orientación, agardamos que esta exposición sexa ben acollida pola comunidade educativa e, sobre todo, que contribúa a construír un contexto máis consciente e sensibilizado fronte á realidade do acoso escolar.

Porque só desde o respecto, a empatía e a palabra compartida podemos construír escolas nas que todas as persoas se sintan seguras, queridas e escoitadas.

A boa convivencia non se impón: cultívase con coidado, día a día, entre todas e todos.

xoves, 3 de abril de 2025

Obradoiros creativos no comedor: espazos para crear, colaborar e medrar


No noso colexio entendemos o tempo de comedor como unha oportunidade educativa máis, un espazo no que seguir aprendendo dende o xogo, a creación e a convivencia.



Estas semanas estamos a desenvolver obradoiros nos que as protagonistas son as pulseiras feitas con gomas de cores. Unha actividade aparentemente sinxela, pero con gran valor pedagóxico: as nenas e nenos traballan a súa creatividade, experimentan con formas e combinacións cromáticas, e desenvolven a súa psicomotricidade fina, fundamental para habilidades como a escritura ou o manexo de utensilios.

O traballo en grupos colaborativos é outro dos piares destas sesións: aprender a escoitar, propoñer, axudarse e valorar as achegas das demais persoas son competencias sociais imprescindibles que reforzamos a través de dinámicas cooperativas.


Dende o ámbito educativo apostamos por actividades que conecten coa súa motivación e lles permitan expresarse, tomar decisións e, sobre todo, gozar mentres aprenden. Porque cada momento do día pode ser unha oportunidade para educar.


mércores, 2 de abril de 2025

O noso compromiso co TEA: educar para incluír!

Cada 2 de abril conmemórase o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo, unha data clave para dar visibilidade ás persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e lembrar a importancia de construír contornos educativos verdadeiramente inclusivos.



Dende o ámbito escolar temos un papel fundamental: educar na comprensión, no respecto e na empatía, valores esenciais para que o noso alumnado medre nunha sociedade que recoñeza a diversidade como unha riqueza, e non como unha barreira.




Sensibilizar sobre o autismo non só beneficia o alumnado con TEA. Tamén axuda o resto do grupo a desenvolver competencias emocionais, sociais e éticas que melloran a convivencia e fortalecen a cohesión da comunidade educativa. 



Conmemorar este día non é unha actividade puntual, senón unha maneira de reforzar o noso compromiso cunha educación inclusiva, equitativa e con sentido.

Desde as etapas máis temperás ata a adolescencia, podemos adaptar as mensaxes e actividades para que todo o alumnado entenda que:

  • Non todas as persoas aprendemos do mesmo xeito.

  • Todas precisamos sentirnos aceptadas, valoradas e acompañadas.

  • A diferenza non nos separa: enriquécenos.





Ademais de todas estas reflexións, desde o Departamento de Orientación levamos a cabo diversas iniciativas para achegar o TEA a toda a comunidade educativa:

  • Difundimos propostas de actividades para traballar na acción titorial, adaptadas a cada etapa educativa.

  • Visitamos a biblioteca do centro, onde atopamos unha ampla selección de libros que abordan o autismo desde diferentes perspectivas e para todas as idades.

  • Participamos nunha actividade simbólica pintando as mans de azul, como xesto de apoio, sensibilización e concienciación.



Porque a educación inclusiva constrúese cada día, con pequenos xestos que deixan grandes pegadas!

xoves, 27 de marzo de 2025

SEMINARIO: AFONDANDO NA ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

 

Dende o noso colexio, e no marco doutras accións formativas, estamos a desenvolver o seminario Afondando na atención á diversidade, unha proposta que ten como finalidade mellorar a nosa competencia inclusiva e reforzar a nosa capacidade para ofrecer unha resposta educativa cada vez máis axustada ás necesidades do noso alumnado. O obxectivo é claro: dotar ao profesorado de información, ferramentas e recursos que lle permitan avanzar cara a unha educación máis equitativa, flexible e respectuosa coa diversidade.

Nas últimas semanas tivemos a sorte de contar con dúas sesións formativas especialmente enriquecedoras. Por unha banda, celebramos unha formación sobre DUA 3.0, titulada Deseño universal para unha aprendizaxe inclusiva, da man da nosa profesora de Pedagoxía Terapéutica Isabel Cachaldora


Nesta sesión afondamos nas novidades que presenta esta actualización do modelo, e exploramos mecanismos para facer realidade a súa aplicación no noso centro. 



Analizamos prácticas educativas que xa están a desenvolverse baixo esta perspectiva e coñecemos novas propostas para seguir avanzando nunha aprendizaxe accesible para todo o alumnado. O DUA constitúe un enfoque esencial para construír contornas educativas que eliminen barreiras e garantan a igualdade de oportunidades no acceso ao coñecemento.


Por outra banda, onte tivo lugar unha nova sesión, impartida polo Centro Marlau de Ourense, a cargo de dúas grandes profesionais: Laura G. Barreiros, Educadora Social, e Marta Dios Moreno, Psicóloga Sanitaria


Nesta formación abordáronse as características das persoas con TEA, prestando especial atención ao seu estilo de aprendizaxe e ás claves dunha intervención educativa axeitada e centrada na persoa. 





Foi unha achega de gran valor que nos permitiu seguir mellorando na comprensión e no acompañamento do noso alumnado con trastorno do espectro autista.



Consideramos un privilexio contar coa experiencia e o saber destas tres profesionais, que con tanta xenerosidade compartiron coñecemento e reflexións co noso equipo docente.

GRAZAS!





martes, 18 de marzo de 2025

Obradoiro con plastilina: fomentando a creatividade

 No servizo de comedor do noso colexio, ademais de desfrutar dunha boa comida saudable, aproveitamos o tempo para realizar actividades que fomenten a creatividade e o traballo en equipo. 

A semana pasada, tanto no comedor de 1º e 2º de primaria como no de 3º e 4º de primaria, organizamos un taller de creatividade con plastilina. Inspirándonos en personaxes de alguns dos debuxos animados máis queridos polos nenos e as nenas, proxectamos imaxes para que eles e elas puideran replicar os personaxes utilizando a plastilina. 



Ademais, deixamos tempo para que cada un dos participantes deseñara as súas propias creacións de forma libre, o que lles permitiu expresar a súa imaxinación e desenvolver novas ideas.



Este tipo de actividades non só son divertidas, senón que tamén teñen unha gran importancia no desenvolvemento da creatividade dos estudantes. Fomentar a creatividade nas primeiras idades axuda a mellorar a súa capacidade de resolución de problemas, favorece a súa expresividade e permite o crecemento persoal a través da imaxinación. 



Ao deixar espazo para que os nenos e as nenas experimenten e crean de maneira libre, estamos contribuíndo a formar individuos máis reflexivos, innovadores e capaces de enfrontarse aos retos da súa vida cotiá con máis confianza e capacidade de xirar ideas.