mércores, 1 de maio de 2024

2 de maio: Día Internacional contra o Acoso Escolar

 

Cada 2 de maio, destacamos a importancia do Día Internacional contra o acoso escolar: un día crucial no calendario educativo. Este día, que se conmemora mundialmente, serve como recordatorio do compromiso coa erradicación do acoso escolar e a promoción dun ambiente escolar seguro e saudable para todo o noso alumnado.




O acoso escolar é un problema moi grave que afecta a moitos nenos e nenas en todo o mundo. Non só ten repercusións inmediatas na saúde mental e emocional dos/as estudantes, senón tamén un impacto duradeiro no seu benestar e rendemento académico. Por iso, é fundamental sensibilizar a toda a comunidade educativa sobre esta problemática social e traballar xuntos para previr e abordar o acoso escolar de forma efectiva.

 


Neste senso, no noso centro educativo contamos o pasado luns con Belén, educadora social  da Asociación Arela, que impartiu un obradoiro integrado no programa Ktorce 18. Este programa achega a lei do menor, reguladora da  responsabilidade penal das persoas menores de idade, para informar, previr e facelos conscientes das consecuencias dos seus actos. Asemade, alumnos e alumnas de 3ºESO A desfrutaron do devandito obradoiro, a través de diferentes dinámicas, identificando en que consiste o acoso escolar, e debatindo e tratando aspectos de casos reais.



Non deixes de ler esta infografía.

En resumo, o Día Internacional contra o acoso escolar serve como unha chamada de atención para recordarnos a necesidade constante de sensibilización e acción no eido educativo. Abordar de xeito integral esta problemática require un compromiso continuo por parte de todos os membros da comunidade educativa.

Só a través da educación e do diálogo aberto, podremos construír un ambiente escolar onde o acoso non teña cabida e onde cada estudante se sinta valorado/a e respetado/a.

Sigamos traballando xuntos/as para facer deste obxectivo unha realidade en cada centro educativo.