martes, 10 de maio de 2022

Participamos no maior estudo sobre o uso de internet entre os/as adolescentes en Galicia

Onte o alumnado da ESO completou un cuestionario que forma parte da investigación levada a cabo por Antonio Rial Boubeta, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do estudo sobre “Redes Sociais, Videoxogos e Apostas entre os adolescentes galegos”, promovido pola FUNDACIÓN BARRIÉ.

 

Dito estudo aborda unha temática realmente preocupante para todos e  todas. O obxectivo do mesmo é coñecer cales son os hábitos de ocio do/as adolescentes de Galicia en todo o que ten que ver co uso de Internet, as Redes Sociais, videoxogos, apostas e a tecnoloxía en xeral.



Tal e como recolle a web da USC, o traballo estase a realizar dende outubro de 2021 a maio de 2022 entre mais de 10.000 persoas con idades comprendidas entre os 12 e 20 anos que estean cursando estudos de ESO, FP ou Bacharelato en centros públicos, privados ou concertados da comunidade galega. Este é o traballo empírico de maior envergadura realizado en Galicia ata a actualidade sobre este tema.


Antonio Rial, na presentación do estudo, aclarou que a investigación a desenvolver parte da idea de que os videoxogos son a día de hoxe unha canle destacada de ocio e entretemento de boa parte das persoas en idade adolescente galegas e españolas. Trátase de achegar datos que axuden a mobilizar as institucións, comezando polas propias familias, para velar polo seu uso saudable e responsable. 

“O xogo constitúe, sen lugar a dúbidas, unha das ferramentas máis potentes de aprendizaxe e desenvolvemento persoal das que dispón o ser humano. Pero non é menos certo que un uso intensivo de determinado tipo de videoxogos, a determinadas idades, con determinados contidos e sen a debida supervisión parental, pode ter serias implicacións tanto a nivel de saúde, como de convivencia”. 

luns, 2 de maio de 2022

Día Internacional contra o Acoso Escolar

 



A violencia entre estudantes é unha cruel realidade que aparece cada vez con maior frecuencia dentro do contexto escolar. A pesar de ser unha realidade presente durante toda a nosa historia, dende fai algo máis dunha década, a conciencia social de dita problemática cobra maior importancia. 

O fenómeno denominado acoso escolar, maltrato entre iguais ou bullying é definido por Olweus como "unha conduta de persecución física e /ou psicolóxica que realiza un estudante contra outro, ao que elixe como vítima de repetidos ataques".

Polo tanto, trátase dunha situación continuada no tempo, na que se establece unha relación de desigualdade de poder entre agresor ou agresores e a vítima. 

Dende o noso colexio e ao longo da semana, implementaremos un programa de PREVENCIÓN DO ACOSO ESCOLAR a través de charlas destinadas ao alumnado da ESO. Hoxe comezamos cunha charla para a clase de 2º ESO B e seguiremos con charlas toda a semana!











Nas mesmas, pretendemos fomentar a concienciación da importancia da prevención e a detección do maltrato este estudantes, e incidimos na necesidade dun coñecemento máis exhaustivo de este fenómeno. Así, dito programa pretende servir de guía para concienciar ao alumnado dunha realidade coa que debemos de loitar dentro e fora das aulas.

Os peques de 2º de primaria tamén levaron a cabo unha preciosa actividade para recordar que todos podemos brillar e ser dignos de ser admirados.



POR UNHA ESCOLA PARA TOD@S, LIBRE DE VIOLENCIA E ONDE TODOS BRILLAMOS!