luns, 16 de decembro de 2024

Votacións concurso de BONECOS DE NEVE

 



Chegou o momento das votacións do noso concurso "Constrúe o teu Boneco de Neve"! ❄️⛄


Este luns 16 de decembro será o día no que poderedes participar na elección do voso boneco de neve favorito. A votación realizarase a través dun formulario que atoparedes no enlace ao final deste post. Estará aberto ata as 23:00h, así que non esquezades votar a tempo!

Queremos aproveitar esta ocasión para expresar o noso máis sincero agradecemento pola altísima participación que tivemos neste concurso. Foi marabilloso ver o esforzo, a creatividade e o compromiso do noso alumnado e das súas familias. Os vosos bonecos de neve non son só creacións, senón auténticas obras de arte cheas de maxia, reciclaxe e moito amor.


Para que poidades desfrutar de todas estas marabillas, preparamos un vídeo especial que reúne as creacións de todos os participantes. Non podedes perdelo! É unha mostra do talento e da imaxinación que encheu o noso colexio de espírito do Nadal.

👉 Accede  ao vídeo aquí:

https://drive.google.com/file/d/1IjPX_nXJ9IEaNj4QVobMfTQUlfMQ3Zji/view?usp=drive_link


👉 Accede  ao formulario para votar aquí: [https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSddtMaRTx2DtCeoEQiqQAqAdmhcYIUO_8oxh_Z3BzSKEWCx_w/viewform?usp=sf_link]


Con este concurso, aprendemos que podemos celebrar o Nadal dun xeito sostible, dando unha segunda vida aos materiais e traballando xuntos por un mundo máis respectuoso co medio ambiente.

Moitas grazas por facer deste proxecto unha experiencia inesquecible! 

Boa sorte a todos/as os/as participantes!


xoves, 28 de novembro de 2024

CHARLA SOBRE A LEI DO MENOR

O pasado luns o alumnado de 3º ESO participou nunha actividade complementaria integrada no programa KTORCE 18, orientada a sensibilizar sobre a Lei do Menor e a prevención de condutas infratoras na adolescencia. Esta sesión, conducida por Belén, educadora social da Asociación Arela, centrouse en ofrecer unha visión clara sobre a responsabilidade penal e civil das persoas menores de idade.


Durante a actividade, tratáronse temas fundamentais como as diferentes medidas privativas de liberdade, entre elas os réximes de internamento, e as medidas xudiciais en medio aberto, ilustrando as consecuencias legais das accións individuais. Ademais, fomentouse un espazo de reflexión onde o alumnado puido debater sobre a importancia de actuar con responsabilidade e comprender o impacto das súas decisións.



Este obradoiro resultou clave para dotar aos e ás estudantes de coñecementos e ferramentas que os axuden a previr condutas de risco e a tomar decisións conscientes. Actividades como esta reafirman o noso compromiso coa educación integral e co acompañamento do alumnado no seu proceso de maduración e responsabilidade social.


mércores, 27 de novembro de 2024

SENSIBILIZANDO SOBRE O ACOSO ESCOLAR

 O pasado luns no noso centro educativo, realizouse unha actividade de sensibilización sobre o acoso escolar dirixida ao alumnado de 1º ESO, co obxectivo de promover a reflexión e a prevención desta problemática. A actividade estivo integrada no programa KTORCE 18 e foi conducida por Belén, educadora social da Asociación Arela.


O programa KTORCE 18 ten como eixo principal informar e concienciar á mocidade sobre a Lei do Menor e as responsabilidades legais que conleva o comportamento individual, buscando así fomentar actitudes responsables e respectuosas. Durante a sesión, os estudantes de 1º ESO participaron en dinámicas participativas que os axudaron a identificar situacións de acoso escolar, comprender as súas consecuencias e reflexionar sobre a importancia da empatía e o respecto nos seus actos cotiás.


Ademais, o obradoiro incluíu o análise de casos reais, permitindo que o alumnado relacionase os conceptos tratados coas súas experiencias diarias, xerando debates enriquecedores sobre como recoñecer e actuar fronte ao acoso escolar.




Este tipo de iniciativas son cruciais para fomentar unha convivencia escolar positiva e para dotar aos estudantes de ferramentas que lles permitan previr, identificar e abordar situacións de acoso. Como comunidade educativa, seguimos comprometidos en crear un ambiente seguro e saudable para todos os nosos alumnos e alumnas.

martes, 26 de novembro de 2024

25N: DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLECIA CONTRA A MULLER

 Onte conmemoramos o  25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Un día que representa unha oportunidade fundamental para reflexionar sobre unha das maiores lacras sociais: a violencia machista. Desde o noso centro educativo, asumimos o compromiso de traballar nesta data como parte esencial da formación integral do noso alumnado, promovendo unha sociedade máis igualitaria, xusta e libre de violencia.


Nesta xornada, organizamos unha ampla variedade de actividades para a sensibilización de toda a comunidade educativa. Entre elas, destaca a proxección de documentais co alumnado de 4º ESO, nos que se abordaron as graves consecuencias da violencia de xénero a nivel persoal, familiar e social. Estas visualizacións déronlle ao alumnado ferramentas para comprender a dimensión deste problema e fomentar a empatía e o compromiso na loita contra esta realidade.




Ademais, implicamos a todo o centro na elaboración de accións que inspirasen á reflexión colectiva. As aulas enchéronse de propostas creativas e dinámicas que promoveron o diálogo e a concienciación. Paralelamente, decoramos os espazos comúns con pancartas que recolleron frases e mensaxes impactantes, seleccionadas co obxectivo de suscitar debates e incitar á reflexión sobre a igualdade, o respecto e a non violencia.




Estas accións non só buscan conmemorar o 25N, senón tamén consolidar valores fundamentais no alumnado e na comunidade escolar: a igualdade de xénero, o respecto mutuo e a tolerancia cero fronte á violencia. Como educadores, cremos firmemente que a sensibilización e a educación son os piares sobre os que podemos construír un futuro libre de violencia machista.




Seguiremos traballando xuntos e xuntas, día a día, para que estas accións non sexan só unha xornada puntual, senón un paso máis cara a un cambio real e duradeiro.





venres, 15 de novembro de 2024

CONCURSO BONECOS DE NEVE

 O noso colexio está entusiasmado por anunciar un novo e divertido concurso de Nadal: "Constrúe o teu Boneco de Neve"!

 Este ano, queremos poñer a proba a vosa creatividade e conciencia ambiental, animándovos a deseñar e elaborar un boneco de neve feito exclusivamente con materiais de refugallo.

O obxectivo principal deste concurso é celebrar a maxia do Nadal dun xeito único, fomentando o respecto polo medio ambiente e demostrando que podemos dar unha segunda vida a materiais que xa non empregamos.

Animámosvos a deixar voar a vosa imaxinación e sorprendernos con creacións orixinais, simpáticas e sostibles. Para participar, só tedes que seguir os requisitos que se indican no cartel!



Estamos desexando ver os vosos creativos e únicos bonecos de neve! Este concurso é unha oportunidade perfecta para aprender xuntos a importancia de reutilizar e coidar o noso planeta, ao tempo que desfrutamos do espírito do Nadal.

Boa sorte a todos/as os/as participantes! 

Que os vosos bonecos de neve, feitos con amor e reciclaxe, enchoupen o noso colexio da maxia destas festas!

xoves, 10 de outubro de 2024

✨ 10 de outubro: Día da Saúde Mental ✨

No noso centro, quixemos celebrar este día cunha actividade especial que puxo en valor a importancia de coidar da nosa saúde mental. Profesorado e alumnado colaboraron para crear un mural único titulado "FRASES MEDICINA". Utilizando caixas de medicamentos baleiras, escribimos mensaxes que todos e todas necesitamos oír cando estamos a pasar por un mal momento. 🫂💙

💊 Ademais, recreamos medicamentos "especiales" como Despreocupill ou Sonrisina Plus, pequenas doses de ánimo que nos recordan a importancia de parar, respirar e darnos o tempo para coidarnos e coidar dos demais.



🌟 A saúde mental é fundamental para o noso benestar, e celebrala con actividades como esta permítenos reflexionar e compartir apoio entre toda a comunidade educativa. Invitámosvos a seguir compartindo as vosas frases medicina, porque todos e todas precisamos escoitar palabras de alento que nos axuden a seguir adiante.




Coidar da nosa saúde mental é tan importante como coidar do corpo. 💚 Hoxe e todos os días, recorda que pedir axuda é un signo de fortaleza.




martes, 21 de maio de 2024

Círculo de Autocoñecemento en 3º de Educación Primaria

 


    Hoxe realizamos un círculo restaurativo de autocoñecemento, unha actividade deseñada para promover a reflexión persoal, o respecto e a empatía entre os alumnos de 3º de educación primaria. A través de preguntas guiadas, alumnos e alumnas compartiron os seus pensamentos, sentimentos e experiencias. Esta práctica é fundamental non só para fomentar a convivencia e a comunicación efectiva no ámbito escolar, senón tamén para afondar no autocoñecemento de cada neno e nena.

    O autocoñecemento é unha peza clave no desenvolvemento integral do alumnado, xa que lles permite identificar e comprender as súas propias emocións, fortalezas e áreas de mellora. Traballar neste aspecto é esencial para promover o benestar persoal dos estudantes, dotándoos de ferramentas para xestionar o estrés, mellorar a autoestima e establecer relacións saudables con outros. Ao profundizar no autocoñecemento, tamén favorecemos a creación dun entorno educativo máis inclusivo e respectuoso, onde cada estudante se sinte valorado e comprendido.




    A través círculo restaurativo, promovemos un espazo seguro onde os nenos e nenas poden expresarse libremente e escoitar activamente aos seus compañeiros, reforzando así habilidades sociais e emocionais que son vitais para o seu desenvolvemento presente e futuro.


mércores, 1 de maio de 2024

2 de maio: Día Internacional contra o Acoso Escolar

 

Cada 2 de maio, destacamos a importancia do Día Internacional contra o acoso escolar: un día crucial no calendario educativo. Este día, que se conmemora mundialmente, serve como recordatorio do compromiso coa erradicación do acoso escolar e a promoción dun ambiente escolar seguro e saudable para todo o noso alumnado.




O acoso escolar é un problema moi grave que afecta a moitos nenos e nenas en todo o mundo. Non só ten repercusións inmediatas na saúde mental e emocional dos/as estudantes, senón tamén un impacto duradeiro no seu benestar e rendemento académico. Por iso, é fundamental sensibilizar a toda a comunidade educativa sobre esta problemática social e traballar xuntos para previr e abordar o acoso escolar de forma efectiva.

 


Neste senso, no noso centro educativo contamos o pasado luns con Belén, educadora social  da Asociación Arela, que impartiu un obradoiro integrado no programa Ktorce 18. Este programa achega a lei do menor, reguladora da  responsabilidade penal das persoas menores de idade, para informar, previr e facelos conscientes das consecuencias dos seus actos. Asemade, alumnos e alumnas de 3ºESO A desfrutaron do devandito obradoiro, a través de diferentes dinámicas, identificando en que consiste o acoso escolar, e debatindo e tratando aspectos de casos reais.



Non deixes de ler esta infografía.

En resumo, o Día Internacional contra o acoso escolar serve como unha chamada de atención para recordarnos a necesidade constante de sensibilización e acción no eido educativo. Abordar de xeito integral esta problemática require un compromiso continuo por parte de todos os membros da comunidade educativa.

Só a través da educación e do diálogo aberto, podremos construír un ambiente escolar onde o acoso non teña cabida e onde cada estudante se sinta valorado/a e respetado/a.

Sigamos traballando xuntos/as para facer deste obxectivo unha realidade en cada centro educativo.

xoves, 25 de abril de 2024

Dereitos en cada páxina, pracer en cada libro

 




Dende o noso departamento de orientación, temos o pracer de presentar, no marco do certame anual do Festival do Libro do noso centro, a exposición "Dereitos en cada páxina, pracer en cada libro".

Esta exposición emana do traballo realizado en tres actividades desenvolvidas en diferentes etapas, centradas en libros que abordan a temática dos dereitos inherentes a todas as persoas.


Cada páxina dos libros seleccionados reflicte e celebra os dereitos fundamentais que todos e todas compartimos. A través destas obras literarias, buscamos non só educar sobre os dereitos humanos, senón tamén inspirar un maior entendemento e empatía hacia as realidades das persoas que os defenden e os necesitan.


Esta exposición é máis que unha simple mostra de libros. É unha oportunidade para reflexionar sobre a importancia dos dereitos humanos na nosa sociedade e no mundo, así como para promover a lectura como unha ferramenta para o cambio social e a comprensión mutua.




Con "Dereitos en cada páxina, pracer en cada libro", queremos inspirar aos nosos estudantes a seren defensores dos dereitos humanos, a través do coñecemento, a empatía e a acción.


Que esta exposición sexa o comezo dunha viaxe de descubrimento e compromiso cos valores fundamentais que nos fan humanos.

martes, 6 de febreiro de 2024

O espello do autorrecoñecemento

Esta semana levamos a cabo unha actividade para potenciar a intelixencia emocional entre o alumnado de 4º de primaria. 



Con tan só un espello de man e unhas tarxetiñas impresas, logramos que cada neno/a se autoafirmase seguindo estes sinxelos pasos:

1) Mirarse ao espello

2) Dicir alomenos 1 característica positiva de sí mesmos

3) Pensar en como reforzar esa característica

4) Recoñecer as emocións representadas en cada tarxetiña póndolles nome e exemplos de cando as podemos sentir.

Grazas ao noso profe de PT, Alberto, e a nosa orientadora, Ana, por esta actividade tan bonita!

luns, 5 de febreiro de 2024

E o Bacharelato?

Esta semana, dende o Departamento de Orientación, concluímos con éxito as nosas charlas sobre orientación académica e profesional. Durante este ciclo de encontros, abordamos diversos temas cruciais para o desenvolvemento educativo e profesional dos estudantes. Un dos puntos centrais foi a elección do bacharelato, un proceso complexo no que tivemos en conta as modificacións implementadas pola nova lei educativa, coñecida como LOMLOE.

Nestas sesións informativas, puxemos especial énfase nos cambios substanciais que a LOMLOE trouxo ao noso sistema educativo, particularmente no que respecta ao bacharelato. Agora, os e as estudantes enfrontan a decisión entre catro itinerarios diferentes, cada un cunha oferta variada de materias. Esta ampla gama de opcións permite ao alumnado personalizar a súa formación académica, adaptándoa aos seus intereses e aptitudes. Ao explorar detalladamente os itinerarios dispoñibles, proporcionamos información sobre as características distintivas de cada un deles. Dende as ciencias e a tecnoloxía ata o novo bacharelato xeral, os/as estudantes poden atopan un abano diversificado de posibilidades. A elección do itinerario non só influirá no ámbito académico, senón tamén nas súas futuras opcións profesionais, xa que cada itinerario esta enfocado para campos específicos de estudo.



Asemade, dende o noso departamento traballamos en prol de ofrecer ao alumnado recursos e proporcionarlles un asesoramento personalizado para que cada alumno e cada alumna poida identificar as súas habilidades e intereses, co fin de facer eleccións educativas e profesionais axeitadas.

Coa conclusión destas charlas, agardamos que os estudantes se sintan capacitados para facer eleccións conscientes e ben fundamentadas no que respecta ao seu percorrido académico e profesional. Estamos aquí para apoiar e guiar a cada estudante no seu camiño cara o futuro, contribuíndo ao seu éxito e realización persoal.

sábado, 27 de xaneiro de 2024

E DESPOIS DA ESO...QUE?

 


A pasada semana, dende o noso centro educativo iniciamos as charlas de orientación académica e profesional destinadas ao alumnado de 4º e 3º da ESO. O obxectivo principal destas sesións é abordar o proceso de toma de decisións no ámbito educativo, destacando a importancia de que os e as estudantes empreguen a súa capacidade cognitiva para aspectos clave das súas vidas, tales como a elección de valores, a planificación do vindeiro curso e a selección dos diferentes itinerarios formativos que ofrece o noso sistema educativo.

No contexto do noso departamento, traballamos activamente para axudar ao alumnado  a tomar decisións conscientes e informadas. Consideramos esencial ofrecerlles a máxima información e recursos dispoñibles sobre as diferentes alternativas que teñen á súa disposición. Asemade, asesoramos para que desenvolvan de maneira axeitada a súa capacidade de manexar toda a información necesaria, permitíndolles realizar unha toma de decisións autónoma e responsable.



De maneira concreta, exploramos o que agarda ao alumnado tras rematar a etapa da ESO. Abordamos en detalle os diversos itinerarios académicos dispoñibles, incluíndo o Bacharelato, a Formación Profesional e as Ensinanzas de Eéxime Especial. Facilitamos un panorama completo das opcións educativas dispoñibles para que o noso alumnado poida tomar decisións informadas sobre o seu futuro académico e profesional.