Hai iniciativas que nacen como unha idea bonita… e acaban converténdose nunha tradición que emociona, une e deixa pegada. Este ano celebramos a cuarta edición do Concurso das Casiñas do Nadal, e unha vez máis quedamos sen palabras.
Cada casiña que enche o noso hall é moito máis ca unha manualidade: é tempo compartido, é ilusión, é creatividade sen límites, é infancia vivida con intensidade. Son mans pequenas e mans grandes traballando xuntas, imaxinando, reutilizando, creando fogares cheos de maxia a partir de materiais de refugallo. E iso emociona. Moito.
Queremos dar as grazas de corazón a todo o noso alumnado e ás súas familias pola vosa implicación, pola vosa entrega e por facer posible que, ano tras ano, o colexio se encha de luz, cor e espírito de Nadal. Grazas por crer nesta iniciativa, por coidala e por facela medrar. O noso hall convértese estes días nun espazo vivo, cheo de ilusión, onde toda a comunidade educativa se recoñece e se sente parte dun mesmo proxecto.
💛 Sodes exemplo de compromiso, creatividade e amor polo cole.
🗳️ Votacións abertas
A partir de hoxe, luns 15 de decembro, quedan abertas as votacións das casiñas. Poderedes votar desde a publicación deste post ata mañá, martes 16 de decembro, ás 10:00 da mañá. Animámosvos a observar cada detalle, cada idea, cada historia que agocha cada casiña… porque todas teñen algo especial.
🎁 Entrega de premios
A entrega de premios celebrarase o xoves 18 de decembro, nun momento que, como cada ano, estará cargado de emocións, sorrisos e sorpresas.
Grazas por facer do Nadal no noso cole algo tan auténtico.
Grazas por lembrar que educar tamén é crear, compartir e emocionar.
✨ Seguimos construíndo Nadal. Xuntos. ✨