martes, 10 de maio de 2022

Participamos no maior estudo sobre o uso de internet entre os/as adolescentes en Galicia

Onte o alumnado da ESO completou un cuestionario que forma parte da investigación levada a cabo por Antonio Rial Boubeta, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do estudo sobre “Redes Sociais, Videoxogos e Apostas entre os adolescentes galegos”, promovido pola FUNDACIÓN BARRIÉ.

 

Dito estudo aborda unha temática realmente preocupante para todos e  todas. O obxectivo do mesmo é coñecer cales son os hábitos de ocio do/as adolescentes de Galicia en todo o que ten que ver co uso de Internet, as Redes Sociais, videoxogos, apostas e a tecnoloxía en xeral.



Tal e como recolle a web da USC, o traballo estase a realizar dende outubro de 2021 a maio de 2022 entre mais de 10.000 persoas con idades comprendidas entre os 12 e 20 anos que estean cursando estudos de ESO, FP ou Bacharelato en centros públicos, privados ou concertados da comunidade galega. Este é o traballo empírico de maior envergadura realizado en Galicia ata a actualidade sobre este tema.


Antonio Rial, na presentación do estudo, aclarou que a investigación a desenvolver parte da idea de que os videoxogos son a día de hoxe unha canle destacada de ocio e entretemento de boa parte das persoas en idade adolescente galegas e españolas. Trátase de achegar datos que axuden a mobilizar as institucións, comezando polas propias familias, para velar polo seu uso saudable e responsable. 

“O xogo constitúe, sen lugar a dúbidas, unha das ferramentas máis potentes de aprendizaxe e desenvolvemento persoal das que dispón o ser humano. Pero non é menos certo que un uso intensivo de determinado tipo de videoxogos, a determinadas idades, con determinados contidos e sen a debida supervisión parental, pode ter serias implicacións tanto a nivel de saúde, como de convivencia”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario