Amosando publicacións coa etiqueta Contra el Acoso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Contra el Acoso. Amosar todas as publicacións

mércores, 1 de maio de 2024

2 de maio: Día Internacional contra o Acoso Escolar

 

Cada 2 de maio, destacamos a importancia do Día Internacional contra o acoso escolar: un día crucial no calendario educativo. Este día, que se conmemora mundialmente, serve como recordatorio do compromiso coa erradicación do acoso escolar e a promoción dun ambiente escolar seguro e saudable para todo o noso alumnado.




O acoso escolar é un problema moi grave que afecta a moitos nenos e nenas en todo o mundo. Non só ten repercusións inmediatas na saúde mental e emocional dos/as estudantes, senón tamén un impacto duradeiro no seu benestar e rendemento académico. Por iso, é fundamental sensibilizar a toda a comunidade educativa sobre esta problemática social e traballar xuntos para previr e abordar o acoso escolar de forma efectiva.

 


Neste senso, no noso centro educativo contamos o pasado luns con Belén, educadora social  da Asociación Arela, que impartiu un obradoiro integrado no programa Ktorce 18. Este programa achega a lei do menor, reguladora da  responsabilidade penal das persoas menores de idade, para informar, previr e facelos conscientes das consecuencias dos seus actos. Asemade, alumnos e alumnas de 3ºESO A desfrutaron do devandito obradoiro, a través de diferentes dinámicas, identificando en que consiste o acoso escolar, e debatindo e tratando aspectos de casos reais.



Non deixes de ler esta infografía.

En resumo, o Día Internacional contra o acoso escolar serve como unha chamada de atención para recordarnos a necesidade constante de sensibilización e acción no eido educativo. Abordar de xeito integral esta problemática require un compromiso continuo por parte de todos os membros da comunidade educativa.

Só a través da educación e do diálogo aberto, podremos construír un ambiente escolar onde o acoso non teña cabida e onde cada estudante se sinta valorado/a e respetado/a.

Sigamos traballando xuntos/as para facer deste obxectivo unha realidade en cada centro educativo.

xoves, 4 de maio de 2023

DÍA INTERNACIONAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR

De novo, dende o Departamento de Orientación non queremos esquecer un día importante para toda a nosa comunidade educativa. O día 2 de maio. O día Internacional contra o Acoso Escolar. Segundo podemos consultar na páxina oficial do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a elevada incidencia desta problemática constitúe unha sinal de que, tanto na sociedade, como nas aulas, os niveis de convivencia e de respecto á diversidade non son os desexados. 
Por este motivo, debemos seguir establecendo dende os centros educativos, programas transversais e actividades específicas, co gallo de educar a toda a comunidade educativa nunha actitude activa contra o acoso escolar. 




No noso colexio,  hoxe  tivemos a sorte de contar con Carlos, profesional da Asociación Arela, que impartiu un obradoiro integrado no programa Ktorce 18. Este programa achega a lei do menor, reguladora da  responsabilidade penal das persoas menores de idade, para informar, previr e facelos conscientes das consecuencias dos seus actos. Asemade, alumnos e alumnas de 1ºESO desfrutaron do devandito obradoiro, a través de diferentes dinámicas, identificando en que consiste o acoso escolar, e debatindo e tratando aspectos de casos reais.




venres, 31 de marzo de 2023

Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

O 2 de abril celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, unha data que ten como obxectivo visibilizar ás persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e promover a súa participación social como cidadáns e cidadás de pleno dereito. 

Abofé a comunidade educativa,  somos un axente clave neste día, pola capacidade que temos para promover entre o noso alumnado actividades que contribúan a visibilizar o TEA e comprender as necesidades e capacidades das persoas con dito trastorno. 

É preciso que traballemos en prol de difundir información sobre en qué consiste o TEA, co gallo de loitar contra os mitos que en numerosas ocasións están asociados a dito trastorno. 

Dende o noso centro, realizamos actividades de sensibilización e preparamos un photocall para realizar fotos, que o vindeiro domingo difundiremos mediante o #ChamémoloPoloSeuNome.


“Temos que aprender a ver o mundo cos ollos dunha persoa con autismo. Cando sexamos capaces de comprender por que a vida resúltalles difícil, poderemos mover obstáculos e desenvolver respecto polos esforzos que fan para sobrevivir entre nós” 

Theo Peeters

luns, 27 de febreiro de 2023

O PROGRAMA VIXÍA CONTINÚA: AS TIC E OS RISCOS ASOCIADOS

 

O pasado xoves 23 de febreiro o alumnado de 6ºEP desfrutou da visita de Cristina, especialista do Programa Vixía do Concello de Ourense, que nos explicou dunha maneira moi dinámica os riscos asociados ao uso das TIC.

A charla ofreceu ao noso alumnado información sobre os diferentes perigos que podemos atopar en Internet e nas Redes Sociais, así como aspectos relevantes sobre o ciberbullying e tips para mellorar a nosa privacidade, tendo en conta a información persoal que moitas veces compartimos  en Internet.

Debemos ter en conta que as Redes Sociais forman parte do día a día dos adolescentes, porén en moitos casos o seu uso implica unha intensidade que pode chegar a xerar interferencias serias en relación ao benestar físico e emocional.

Asemade, os riscos asociados non deben obviarse, xa que debemos ter en conta que a prevención é un aspecto fundamental.

Calquera iniciativa, como a  que desfrutamos o xoves, é realmente necesaria para dotar a alumnas e alumnos de información relevante para a abordaxe desta problemática.



venres, 25 de novembro de 2022

25 N Día internacional da eliminación da violencia contra a muller

 


Un ano máis, dende o noso colexio, entendemos que hoxe é un día de reflexión e de sensibilización para expresar o rexeitamento máis profundo a todo tipo de violencia contra as mulleres. Sen dúbida, a violencia de xénero é un problema público e social de primeira magnitude, un ataque ao dereito da vida, á integridade física, á liberdade e á non discriminación.


Co impulso da nova Lei Orgánica de Educación (LOMLOE), dende o ámbito educativo destacamos como principios e fins da educación a equidade, igualdade de oportunidades, e  igualdade de dereitos, entre outros;  por suposto ENTRE HOMES E MULLERES.

Non deixes de ver este vídeo e de consultar a web do MINISTERIO DE IGUALDADE, onde atoparás información variada e relevante acerca de esta PROBLEMÁTICA SOCIAL.

Ademais, o alumnado da ESO ven de crear un decálogo para a prevención da violencia de xénero, con pautas para detectar indicios de abuso e maltrato, así como recomendacións para poder combatilo desde o minuto un. Grazas a tod@s!










venres, 10 de xuño de 2022

Pola igualdade e contra a violencia de xénero con "El Indulto"

O alumnado de 1º da ESO participou nunha charla obradoiro pola igualdade de xénero enmarcada no proxecto interdisciplinar baseado en "El Indulto", o relato de Emilia Pardo Bazán que lles ficho refexionar sobre a orixe e os factores da violencia de xénero así como estratexias para loitar contra ela. 



No obradoiro abordaron o ciclo da violencia por Leonor Walter e descubriron valiosas fontes de información sobre esta seria problemática.




Non deixes de ver a curtametraxe dos alumnos na que adaptan "El Indulto". Vaise emitir o sábado 11 de xuño ás 14h en Telemiño.

luns, 2 de maio de 2022

Día Internacional contra o Acoso Escolar

 



A violencia entre estudantes é unha cruel realidade que aparece cada vez con maior frecuencia dentro do contexto escolar. A pesar de ser unha realidade presente durante toda a nosa historia, dende fai algo máis dunha década, a conciencia social de dita problemática cobra maior importancia. 

O fenómeno denominado acoso escolar, maltrato entre iguais ou bullying é definido por Olweus como "unha conduta de persecución física e /ou psicolóxica que realiza un estudante contra outro, ao que elixe como vítima de repetidos ataques".

Polo tanto, trátase dunha situación continuada no tempo, na que se establece unha relación de desigualdade de poder entre agresor ou agresores e a vítima. 

Dende o noso colexio e ao longo da semana, implementaremos un programa de PREVENCIÓN DO ACOSO ESCOLAR a través de charlas destinadas ao alumnado da ESO. Hoxe comezamos cunha charla para a clase de 2º ESO B e seguiremos con charlas toda a semana!











Nas mesmas, pretendemos fomentar a concienciación da importancia da prevención e a detección do maltrato este estudantes, e incidimos na necesidade dun coñecemento máis exhaustivo de este fenómeno. Así, dito programa pretende servir de guía para concienciar ao alumnado dunha realidade coa que debemos de loitar dentro e fora das aulas.

Os peques de 2º de primaria tamén levaron a cabo unha preciosa actividade para recordar que todos podemos brillar e ser dignos de ser admirados.



POR UNHA ESCOLA PARA TOD@S, LIBRE DE VIOLENCIA E ONDE TODOS BRILLAMOS!

xoves, 29 de outubro de 2020

Arranca o programa de alumnos mediadores en primaria

Boas novas!

Os alumnos de primaria únense ao programa de Alumnos Mediadores, un modelo de convivencia escolar con alumnos que sexan capaces de escoitar e acompañar a outros compañeiros nas súas necesidades, axudándolles con solucións equitativas e realistas. Con todo iso pretendemos introducir unha filosofía de xestión de convivencia baseada nas capacidades de negociación e respecto mutuo, para conseguir un clima equilibrado nas relacións interpersoais do noso centro.

Como o Programa vai dirixido á toda a comunidade educativa, neste curso e como novidade, levarase a cabo a elección e formación de Alumnos Mediadores na Educación Primaria, sendo os Alumnos Mediadores da E.S.O os encargados de presentar o Programa ós máis pequenos.

Velaquí algunhas fotos da presentación do noso Programa de Alumnos Mediadores para este curso 2020-2021, na que adescubrimos estratexias e técnicas de xestión de conflictos e de comunicación asertiva aprendidas no curso Erasmus + que fixo Diego Iglesias en Florencia. Grazas Diego!