No marco do XVIII Festival do Libro do noso centro, desde o Departamento de Orientación desenvolvemos o proxecto Entre páxinas e emocións, unha proposta que nace coa finalidade de achegar o alumnado ao coñecemento, comprensión e expresión das emocións a través da lectura, a reflexión compartida e a creación artística.
Esta iniciativa foi impulsada pola orientadora do centro e a mestra de Pedagoxía Terapéutica da aula UEE, en colaboración co profesor da materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de 3º de ESO, integrándose como unha experiencia de infusión curricular nesta materia. O proxecto estruturouse en tres grandes partes, desenvolvidas ao longo de varias sesións de traballo.
Nunha primeira parte, partiuse da rutina de pensamento “Conversa en papel”, unha dinámica que permitiu ao alumnado de 3º de ESO reflexionar de maneira guiada sobre cuestións fundamentais: que son as emocións, como se manifestan, que función teñen nas nosas vidas e que coñecementos previos posuían sobre elas. Esta proposta favoreceu a activación de ideas, a participación de todo o grupo e a construción compartida do pensamento.
A segunda parte centrouse no traballo de investigación cooperativa, no que o alumnado, organizado en pequenos grupos, puido profundar nos distintos tipos de emocións a partir de bibliografía especializada, das tarxetas das emocións de Samma Sati e de diversas páxinas web de carácter educativo. Esta fase permitiu ampliar coñecementos, incorporar vocabulario emocional e avanzar na identificación, comprensión e expresión dos estados afectivos.
Cómpre destacar o valor das tarxetas das emocións de Samma Sati como recurso facilitador deste proceso, xa que constitúen un material visual e accesible pensado para axudar á infancia a identificar, nomear e comprender o que sente dun xeito sinxelo e atractivo. Elaboradas co asesoramento de profesionais da psicoloxía e da crianza, convertéronse nun apoio de grande utilidade para promover a educación emocional e enriquecer o traballo desenvolvido na aula.
Finalmente, a terceira parte do proxecto orientouse cara á creación artística, coa realización de láminas creativas sobre diferentes emocións, inspiradas no universo visual e expresivo de Anna Llenas. A partir do traballo previo de reflexión e investigación, o alumnado transformou as aprendizaxes en producións plásticas cargadas de sensibilidade, cor e significado.
A obra de Anna Llenas, e de maneira especial O diario das emocións, serviunos como fonte de inspiración para entender que educar as emocións tamén é ofrecer espazos para nomealas, expresalas e darlles valor. Neste sentido, o proxecto permitiu conectar literatura, arte e educación emocional nunha experiencia de aprendizaxe rica e significativa.
Con Entre páxinas e emocións, o XVIII Festival do Libro convértese nunha oportunidade para seguir construíndo escola desde unha mirada inclusiva, sensible e integral, onde ler, crear e sentir forman parte dun mesmo camiño educativo.


.jpg)




Ningún comentario:
Publicar un comentario