Onte conmemoramos o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Un día que representa unha oportunidade fundamental para reflexionar sobre unha das maiores lacras sociais: a violencia machista. Desde o noso centro educativo, asumimos o compromiso de traballar nesta data como parte esencial da formación integral do noso alumnado, promovendo unha sociedade máis igualitaria, xusta e libre de violencia.
Nesta xornada, organizamos unha ampla variedade de actividades para a sensibilización de toda a comunidade educativa. Entre elas, destaca a proxección de documentais co alumnado de 4º ESO, nos que se abordaron as graves consecuencias da violencia de xénero a nivel persoal, familiar e social. Estas visualizacións déronlle ao alumnado ferramentas para comprender a dimensión deste problema e fomentar a empatía e o compromiso na loita contra esta realidade.
Ademais, implicamos a todo o centro na elaboración de accións que inspirasen á reflexión colectiva. As aulas enchéronse de propostas creativas e dinámicas que promoveron o diálogo e a concienciación. Paralelamente, decoramos os espazos comúns con pancartas que recolleron frases e mensaxes impactantes, seleccionadas co obxectivo de suscitar debates e incitar á reflexión sobre a igualdade, o respecto e a non violencia.
Estas accións non só buscan conmemorar o 25N, senón tamén consolidar valores fundamentais no alumnado e na comunidade escolar: a igualdade de xénero, o respecto mutuo e a tolerancia cero fronte á violencia. Como educadores, cremos firmemente que a sensibilización e a educación son os piares sobre os que podemos construír un futuro libre de violencia machista.
Seguiremos traballando xuntos e xuntas, día a día, para que estas accións non sexan só unha xornada puntual, senón un paso máis cara a un cambio real e duradeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario