Dende o noso colexio, e no marco doutras accións formativas, estamos a desenvolver o seminario Afondando na atención á diversidade, unha proposta que ten como finalidade mellorar a nosa competencia inclusiva e reforzar a nosa capacidade para ofrecer unha resposta educativa cada vez máis axustada ás necesidades do noso alumnado. O obxectivo é claro: dotar ao profesorado de información, ferramentas e recursos que lle permitan avanzar cara a unha educación máis equitativa, flexible e respectuosa coa diversidade.
Nas últimas semanas tivemos a sorte de contar con dúas sesións formativas especialmente enriquecedoras. Por unha banda, celebramos unha formación sobre DUA 3.0, titulada Deseño universal para unha aprendizaxe inclusiva, da man da nosa profesora de Pedagoxía Terapéutica Isabel Cachaldora.
Nesta sesión afondamos nas novidades que presenta esta actualización do modelo, e exploramos mecanismos para facer realidade a súa aplicación no noso centro.
Analizamos prácticas educativas que xa están a desenvolverse baixo esta perspectiva e coñecemos novas propostas para seguir avanzando nunha aprendizaxe accesible para todo o alumnado. O DUA constitúe un enfoque esencial para construír contornas educativas que eliminen barreiras e garantan a igualdade de oportunidades no acceso ao coñecemento.
Por outra banda, onte tivo lugar unha nova sesión, impartida polo Centro Marlau de Ourense, a cargo de dúas grandes profesionais: Laura G. Barreiros, Educadora Social, e Marta Dios Moreno, Psicóloga Sanitaria.
Nesta formación abordáronse as características das persoas con TEA, prestando especial atención ao seu estilo de aprendizaxe e ás claves dunha intervención educativa axeitada e centrada na persoa.
Foi unha achega de gran valor que nos permitiu seguir mellorando na comprensión e no acompañamento do noso alumnado con trastorno do espectro autista.
GRAZAS!
Ningún comentario:
Publicar un comentario