xoves, 13 de marzo de 2025

UN ANO MÁIS: O PROGRAMA VIXÍA NO NOSO CENTRO EDUCATIVO

O noso colexio continúa, un ano máis, a súa participación no Programa Vixía, unha iniciativa promovida pola Consellería de Sanidade que ten como obxectivo proporcionar información e formación sobre temas fundamentais para a mocidade. A través deste programa, organizamos diversas charlas impartidas por especialistas, abordando cuestións de gran relevancia para o alumnado.

A primeira das charlas estivo dirixida ao alumnado de 1º de ESO e contou coa presenza de Félix, educador social especializado na adolescencia. Baixo o título "Habilidades sociais e desenvolvemento físico, psíquico e social", a sesión puxo o foco na educación emocional, o respecto mutuo e a importancia da diversidade. Reflexionamos sobre o que é a adolescencia e os cambios que se producen a nivel persoal e social nela. A charla foi moi participativa e axudounos a comprender mellor como as emocións inflúen no noso comportamento diario.



A segunda charla, destinada ao alumnado de 3º de ESO A e B, centrouse nos Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA) e foi impartida por Lorena, nutricionista. Falamos da importancia dunha dieta saudable e do impacto dos TCA na saúde física e emocional. Ademais, debatemos sobre a mellor maneira de previr e afrontar estas situacións, destacando a necesidade de pedir axuda cando sexa preciso.




Por último, o alumnado de 2º de ESO participou nunha charla sobre os riscos de Internet e das redes sociais. Durante a sesión, analizamos as ameazas que poden xurdir no ámbito dixital, como o ciberacoso e a falta de privacidade en liña. A través dun enfoque dinámico e reflexivo, aprendemos a importancia de facer un uso responsable das TIC, protexer a nosa información persoal e desenvolver un pensamento crítico fronte aos perigos da rede.



A participación no Programa Vixía é sempre unha oportunidade valiosa para a nosa comunidade educativa. Estas actividades non só enriquecen o coñecemento do alumnado, senón que tamén lles proporcionan ferramentas esenciais para afrontar os retos da súa vida cotiá con madurez e responsabilidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario