martes, 24 de febreiro de 2026

COMER CON COCO

 ¿É o mesmo alimentarse que nutrirse? 

Esta foi unha das preguntas que guiou a sesión desenvolvida esta semana no marco do Plan Vixía co alumnado de 3º ESO, da man de Alfonso, nutricionista e dietista, quen nos axudou a reflexionar sobre a importancia dos hábitos saudables nesta etapa da adolescencia.



Ao longo da charla abordáronse contidos clave relacionados coa nutrición desde unha perspectiva práctica e próxima á realidade do alumnado. Falamos dos distintos tipos de dietas (hipocalóricas, normocalóricas e hipercalóricas) e de como poden influír no corpo segundo as necesidades de cada persoa. A través do “semáforo das graxas”, aprendemos a identificar cales priorizar e cales limitar, así como a importancia das proteínas e as súas fontes, incluíndo alternativas vexetais para dietas veganas.


Tamén houbo espazo para lembrar o papel fundamental dos hidratos de carbono e dos micronutrientes como fonte de enerxía diaria, comprendendo mellor a función das vitaminas no noso organismo. Como peche da sesión, puxemos o foco en que a saúde vai máis alá do prato: o xeito de cociñar os alimentos, o equilibrio emocional e os hábitos de vida saudables son pezas clave para o benestar integral.


Desde o Departamento de Orientación seguimos apostando por intervencións preventivas que axuden ao alumnado a tomar decisións informadas, desenvolver pensamento crítico e construír unha relación respectuosa co seu propio coidado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario