O noso centro continúa a participar un curso máis no Programa Vixía, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Sanidade orientada á prevención e á promoción do benestar na adolescencia. A través desta proposta, o alumnado ten a oportunidade de reflexionar sobre aspectos clave do seu desenvolvemento persoal e social da man de profesionais especializados.
Nesta ocasión, o alumnado de 1º de ESO participou nunha sesión dinamizada por Félix, educador social do programa. Máis que unha charla expositiva, a actividade desenvolveuse a través dun círculo de diálogo, no que cada alumno e alumna puido expresar sentimentos, inquietudes e reflexións nun espazo seguro e respectuoso.
.jpeg)
De maneira previa á sesión, a orientadora do centro acudiu ás aulas para realizar unha actividade preparatoria. Nela presentouse a temática que se ía abordar desde o Programa Vixía e o alumnado tivo a oportunidade de formular, de xeito anónimo, preguntas dirixidas a Félix sobre as súas relacións interpersoais, preocupacións propias da adolescencia e outras cuestións que lles resultan significativas no seu día a día. Estas achegas serviron como punto de partida para o diálogo posterior, favorecendo unha participación máis auténtica e próxima á realidade do grupo.
A sesión puxo o foco na educación emocional, nas relacións cos iguais e na importancia do respecto e da escoita activa, ofrecendo ferramentas que contribúen ao benestar persoal e á convivencia positiva no centro.
.jpeg)
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario